O Poder do Arcabuz

O novo espectáculo de Quique Peón Cía & Xacarandaina que recrea a Revolución Irmandiña


Leave a comment

Relatorio de Carlos Barros sobre “A revolta dos Irmandiños”

Como actividade complementaria terá lugar o día 25 de novembro (ás 20.30h na Fundación Luís Seoane) unha conferencia aberta ao público de Carlos Barros, profesor titular de Historia Medieval da USC e o principal estudoso dos Irmandiños. Ten publicado varios libros sobre o tema, como ‘A mentalidade xusticieira dos irmandiños’ (Xerais, 1988), ‘Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV’ (Siglo XXI de España, Colección “Historia de los Movimientos Sociales“, 1990), ademais de múltiples ensaios en publicacións especializadas.


Leave a comment

Estrea absoluta, o 7 e 8 de decembro no Teatro Colón da Coruña

Os días 7 e 8 de decembro Quique Peón Cía estrea no Teatro Colón da Coruña o seu novo espectáculo: ‘O Poder de Arcabuz’, un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro. [MERCAR ENTRADAS]

Na presentación interviron Henrique Peón, autor, director e coreógrafo; Pedro Lamas, compositor e director musical; Susana Crespo, asistente de dramaturxia; e Alex Ávila, bailarín.

A obra, que forma parte do programa de residencias do Teatro Colón, “é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo”, explica Peón, “trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas”.

A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional “Xacarandaina” xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. “O Poder do Arcabuz” fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña.

Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños  e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. Hai que lembrar que a Revolución Irmandiña foi a maior revolta europea do século XV, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían a primeira arma que usaba a pólvora: o arcabuz.

A danza e o baile tradicional galego serán o elemento principal do espectáculo, a linguaxe de cohesión de todo. Na obra amosaranse diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis, de dongas e galáns…), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán até os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.

Sen embargo, a danza contemporánea tamén estará presente na obra, non tanto na súa linguaxe como no seu concepto, pois é un estilo que foi creado para expresar os sentimentos e reexaminar os principios fundamentais da danza como medio de comunicación.

A música, dirixida por Pedro Lamas, será un eixo fundamental do espectáculo e fusionará a música tradicional e a culta, facéndo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal (solista e coral).

“O Poder do Arcabuz” é un espectáculo concibido como un musical de estrutura compostal de diferentes escenas que se irán sucedendo, unha tras outra, a modo de actos, ao estilo dos antigos ballets románticos.